jueves, 1 de diciembre de 2016

Somos artistas!!


Estamos impresionadas coa resposta que Territorio das Artes está a ter no centro. Non podemos estar máis contentas do moito que tedes feito. Sodes incribles e tan creativos...
Como sabedes o día 12 remata o prazo para colgar na porta da aula a vosa obra. Todos os cursos e especialistas que teñades participado recibiredes o Broci-Pintor como recoñecemento.
O día 16 o xurado recorrerá o centro para seleccionar a mellor creación de cada nivel, que recibirá O Pincel Dourado.



Teredes que poñela no noso panel dos Brozo-Retos á entrada da biblioteca.
O día 19 publicaremos no noso blogue o listado dos gañadores. Sorte!!

Mellores lectores de novembro

A nosa biblioteca está chea de ávidos lectores e é por isto que, desde novembro, instauramos o premio aos "Mellores lectores do mes" para darlles un recoñecemento pola paixón polos libros e para agradecerlles que leven prestados da nosa biblioteca moitos libros para ler na casa.
De agora en diante, cada mes, aparecerá colgado un cadro de honra cos seis mellores lectores do mes, un por cada nivel.
E por suposto... a cada un deles se lles obsequiará cun pequeno agasallo.

Aquí tedes aos premiados de novembro. Parabén rapaces!

miércoles, 30 de noviembre de 2016

Novidades decembro: Arte e artistas

As novidades máis destacadas para este mes de decembro son, como non podía ser doutro xeito, sobre pintura para completar a nosa ampla colección de fondos sobre esta temática que está a traballar no proxecto de biblioteca neste primeiro trimestre.


Atoparedes novos libros para contemplar con ollos curiosos as obras máis famosas da arte universal, breves biografías dos artistas acompañadas de interesantes análises dos seus cadros máis emblemáticos, contos sobre pintores famosos... ademais dunha serie de actividades fáciles e entretidas que vos farán poñer na pel dos pintores máis coñecidos e fomentar as vosas inquietudes artísticas.

viernes, 18 de noviembre de 2016

Biografías de mulleres destacadas da historia


Acaba de chegar á biblioteca a fantástica Colección Miranda publicada por Edelvives con relatos sobre as vidas de mulleres destacadas da Historia contadas desde a ocurrente visión de Miranda, unha nena de 8 anos. Trátase dunha serie de libros escritos pola actriz Iztiar Miranda en colaboración co seu irmán Jorge e ilustrados por Lola Castejón.

Miranda, que é moi curiosa e amante das historias, achéganos a personaxes femininos importantes do ámbito da ciencia, a pintura, a música, a moda ou a política.


Desde a súa visión, Miranda fálanos de como descubriu a súa paixón pola pintura Frida Kalho, a súa relación con Diego Rivera e o seu éxito internacional; fálanos tamén de Marie Curie, a quen Miranda chama Marieta, a que enredaba con probetas, de como era Polonia cando Marie naceu, do duro que tivo que traballar para poder viaxar e estudar na universidade de París, de como descubriu o radio e de como, cando gañaron o Premio Nobel da Física ela e o seu querido Pierre Curie. Emocionante resulta tamén a historia na que Miranda descobre o jazz e namórase da voz de Billie Holiday, que tivo que enfrontarse a unha dobre discriminación, por ser muller e por ser negra. Tamén nos relata a incrible historia de Jane Goodall, a mellor amiga dos chimpancés que viaxou a Africa con 26 anos e aínda hoxe os seus descubrimentos déixannos coa boca aberta... E así, ata un total de 9 incribles relatos de mulleres destacadas: Coco Chanel, Indira Gandhi, Cleopatra, Amelia Earhart e Juana la Loca.
Esperamos que a colección siga crecendo!


martes, 15 de noviembre de 2016

Érase dúas veces... contos coeducativos non sexistas


Nos últimos anos aumentou a literatura infantil que rompe co ideal de princesa sumisa que debe ser salvada polo príncipe, cuestionando así os modelos tradicionais de feminidade e masculinidad. A colección Érase dúas veces, da editorial Cuatro Tuercas, ten como obxectivo reformular os contos tradicionais que están cheos de actitudes e ensinos que en numerosos casos rozan o machismo ou actitudes pouco igualitarias entre homes e mulleres.
Os seus autores, Belén Gaudes e Pablo Macías, crearon este proxecto tras ser conscientes do verdadeiro contido dos contos clásicos, polo que decidiron reescribilos respectando a maxia das historias, a fantasía e a súa atemporalidade pero desposuíndoas do sexismo, a violencia e a desigualdade. 


Nas historias de Érase dúas veces as protagonistas son mulleres reais, decididas, independentes, intelixentes e que rexeitan o ideal de amor romántico. Por exemplo, Cincenta teno claro e independízase, ademais rexeita os zapatos de tacón e, por suposto, pasa olímpicamente dos príncipes; Brancaneves non é apresuradamente recollida por sete ananos, ela comparte piso con sete mozos e, como calquera que queira sobrevivir, tócalle poñerse a traballar, a mina convértese no seu lugar de traballo e Brancaneves nunha muller forte que é plenamente consciente de que un bico non a vai a salvar de ningún feitizo; Carapuchiña, pola súa banda, dedícase a buscar flores moradas polo bosque e se parte de risa coa broma que lle gastan a súa avoa e o lobo...

A verdade é que os contos quedaron divertidos, máxicos e moito máis coeducativos. Queredes comprobalo? Pois xa están dispoñibles na biblioteca os 9 contos da colección.

miércoles, 9 de noviembre de 2016

Entrega dos Broci-chaveiros


Hoxe temos a nova de informar que desde o propio Sisalde chegaron os Broci-chaveiros para os nosos alumn@s de 2° nivel.  A profe Pepa repartiunos onte polas aulas para que todos teñades a axuda de Brociños para ser os mellores lectores. Este venres volará ás vosas casas, coidade del e repetide o conxuro máxico que hai no interior da caixa, sen dúbida será efectivo!!


jueves, 3 de noviembre de 2016

Xa temos NOVIDADES!


Aquí deixámosvos a relación de libros das últimas novidades incorporadas para que veñades á biblio a botarlles unha ollada. 

miércoles, 2 de noviembre de 2016

Contos de medo de Samaín

O alumnado de 4º nivel envíannos estas terroríficas historias de Samaín feitas nos iPads na semana previa ao 31 de outubro. Grazas rapaces por compartir os vosos traballos.





Tamén acaban de chegar á biblioteca un par de exemplares dun libro recentemente publicado pola editorial Galaxia que pretende, dunha maneira entretida, “explicarlle ás nenas e nenos de Galicia a fecunda tradición galega relacionada co nacemento do outono e crenzas que veñen, probablemente, da época prerromana. Trátase, polo tanto, de que os cativos comprendan a diferencia entre o recuperado Samaín e o ascedente Halloween norteamericano”.